- Este evento ha pasado.
4º Encontro do Deseño Galego
18 de abril a las 10:15 – 17:00 CEST
A Asociación Galega de Deseño (DAG) ten celebrado con anterioridade tres encontros (Rianxo, Padrón e Cangas). Unha iniciativa que xorde coa vocación de descentralizar os eventos deste ámbito achegando profesionais e disciplinas a localidades máis pequenas, fóra das urbes que acostuman acoller este tipo de actividades, co obxectivo de facer comunidade e traballar para o interés común ao tempo de coñecer os recursos culturais e patrimoniais do país.
A xornada dará comezo sobre das 10.15 h na Fundación Vicente Risco, á que lle agradecemos a súa colaboración coa cesión do espazo para celebrar o evento. As presentacións de proxectos das persoas asociadas a DAG correrán da man de Ismael Velo, deseñador de produto orixinario de Allariz mais actualmente afincado en Porto; Steph Wurm, deseñadora gráfica especializada en xestión de marca que comparte estudio en Arnois (A Estrada) con Xaime Aneiros, que tamén intervirá; e Idoia Cuesta, creadora téxtil que se especializa en cestería contemporánea e desenvolve a súa actividade desde unha aldea de Outeiro de Rei (Lugo).
Posteriormente abriremos un coloquio coas persoas participantes arredor do «deseño para o común» aos que se unirá Francisco Pedras, enxeñeiro agrícola implicado en proxectos de sostibilidade, novos materiais e xestión de recursos forestais, no que trataremos aspectos como o traballo desde o rural galego, ideas para a xestión de recursos comúns, o deseño nos procesos de cohesión social…. Para rematar a mañá cunha visita á propia Fundación.
Tras xantar, a partir das 16.30 h, dirixirémonos ao Museo Galego do Xoguete e Museo da Moda, dous espazos nos que tamén exploraremos deseño en múltiples formas. E se aínda queda tempo e ganas de compartir conversas, aproveitaremos a ocasión para dar un paseo pola vila ou pola ribeira do Arnoia.

